Exposición


INTRODUCIÓN | METODOLOXÍA | MARCO TEÓRICO | PANEIS | CRÉDITOS

Esta exposición desenvólvese no marco da investigación ‘Existen sociedades matriarcais? aprendendo da igualdade de xénero entre dous grupos étnicos: os Bijagós (Guinea Bissau) e os Zapotecas (México)’ financiada pola Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña. Pretendeu ser unha continuación da investigación realizada anteriormente titulada: ‘Muller e ideoloxía cultural do sistema sexo/xénero na comunidade “matriarcal” de Juchitán (México)’, financiada pola Cátedra Caixanova de Estudos Feministas, a Universidade de Vigo e o Ministerio de Educación e Ciencia.

O que determinou o interese polo estudo dos singulares sistemas sexo/xénero na sociedade bijagó de Guinea Bisau e da sociedade zapoteca do Istmo mexicano, foi a propia realidade do obxecto/suxeito, na cal destaca a preeminencia do papel social da muller e a súa relación igualitaria cos homes, e a “tolerancia” fronte ás formas de diversidade, identidade e comportamento sexual.

Os obxectivos desta investigación concrétanse en varios aspectos:

a) Investigar sobre o sistema sexo/xénero do grupo indíxena do arquipélago das bijagós (Guinea Bissau) e do pobo indíxena zapoteco do Istmo de Tehuantepec (México).

b) Elaborar material didáctico de carácter intercultural, sobre os roles e estereotipos de xénero; e as identidades sexuais nas sociedades contemporáneas.

Esta exposición fotográfica é un dos materiais didácticos que se elaboraron co fin de divulgar, dunha forma artística e pedagóxica os resultados obtidos nesta investigación. Xunto con esta mostra fotográfica, realizáronse outros materiais didácticos, tales como un vídeo documental, un tríptico didáctico e unha “unidade didáctica”, ademais do texto do informe final, que estará a disposición dos interesados que desexen aprofundar máis nesta temática.

OS PANEIS DESTA EXPOSICIÓN ESTÁN AO DISPOR DAS PERSOAS INTERESADAS : CONTACTO