Marco teórico


INTRODUCIÓN | METODOLOXÍA | MARCO TEÓRICO | PANEIS | CRÉDITOS

A etnocartografía da sexualidade no noso mundo, mostra unha incrible diversidade de sistemas sexo/xenéricos, distintos ao patrón patriarcal, binario e heterosexista occidental.

Existen pobos, documentados antropoloxicamente, onde a muller desempeña un papel de primeira orde. Os Bijagós de Guinea Bissau e os Zapotecas do Istmo de Tehuantepec en México, son dous exemplos excepcionais onde as mulleres posúen poder e prestixio social.

ZAPOTECAS

O Istmo é unha rexión tropical do sur de México, habitada por 100.000 zapotecas, xunto con outros grupos étnicos. Os zapotecas se autodenominan binnizá, (‘xente que provén das nubes’) e afunden as súas raíces históricas desde fai 2000 mil anos. As referencias ás mulleres do Istmo como “amazonas matriarcais”, remóntanse ao século XVI. Artisticamente, foron fonte de inspiración para creadores da talla de Frida Kahlo, quen as consideraron, un símbolo do empoderamento feminino.

BIJAGÓS

O arquipélago de Bolama-Bijagós, na costa de Guinea Bissau, está formado por cen illas, con frondosas selvas tropicais, onde viven aproximadamente unhas 20.000 persoas. Os primeiros exploradores europeos retrataron aos habitantes do arquipélago coma un pobo de navegantes, dedicados á pirataría. Este pobo matrilineal, sostén que o primeiro ser humano bijagó foi unha muller, quen tivo catro fillas, cada unha das cales fundou un clan: o Orácuma, o Oraga, o Ominca e o Ogubane, de onde descenden todos os Bijagós.

ECONOMÍA ZAPOTECA

O sistema económico zapoteca aséntase na redistribución e reciprocidade dos recursos. O prestixio social baséase no que ‘máis dá’, non no que ‘máis ten’. A través do control do grande mercado rexional e do complexo sistema festivo, dinamízase a economía e redistribúese a riqueza existente. Prevalece unha forte división xenérica do traballo. As mulleres monopolizan toda a actividade comercial e o home dedícase á agricultura e á pesca. Elas gozan de plena autonomía económica e xestionan todos os ingresos da unidade familiar.

ECONOMÍA BIJAGÓ

A poboación das Illas Bijagos practica unha economía de subsistencia, xa que só extraen da natureza o que van consumir nese día. As lóxicas redistributivas dominan esta sociedade, a través dun mecanismo de reciprocidade: os mozos regalan bens e alimentos aos anciáns, a cambio de que estes lles entreguen os seus coñecementos e recoñezan o grao de desenvolvemento espiritual obtido nos rituais (o fanado). Entre os Bijagós existe unha marcada división do traballo. As mulleres dedícanse á agricultura, ao traballo doméstico e ao coidado do santuario da aldea, mentres que o home pesca e extrae o aceite das palmeiras.

SOCIEDADE ZAPOTECA

A poboación zapoteca valora e aprecia á muller e ao seu mundo. A muller é hexemónica nos espazos públicos, así como nas cerimonias tradicionais (as “Veas”), lucindo, bailando e actuando coma protagonistas principais nestas verbenas. As nais son o núcleo da estrutura familiar, por iso é polo que a maternidade é moi estimada e venerada. Elas son as responsables da transmisión xeracional da súa tradición étnica.

SOCIEDADE BIJAGÓ

A sinxeleza das condicións de vida dos Bijagós contrasta fortemente coa complexidade das súas crenzas. Os Bijagós priorizan a harmonía co cosmos antes que cubrir as súas necesidades primarias. As mulleres durante os seus rituais, “acollen” aos espíritos dos homes mortos nos seus corpos, a fin de equilibrar os vínculos co “alén”. Toda muller, polo feito de poder ser nai, goza dun alto respecto e prestixio. Dan vida e, por iso, tamén poden provocar a morte, por iso son temidas.

POLÍTICA ZAPOTECA

Os zapotecas istmeños caracterizáronse historicamente por teren unha cultura política democrática e participativa. Durante os anos 70 e 80 do século XX, desenvolveuse unha mobilización étnica moi exitosa, a COCEI, na que a muller participou moi activamente. Elas non dirixiron este movemento, pero crearon unha rede de solidariedade feminina que funcionou como un eficaz “grupo de presión” nas súas comunidades.

POLÍTICA BIJAGÓ

O poder político bijagó repártese de tres formas en función da idade, o xénero e o clan de pertenza de cada individuo, dando lugar a unha estrutura social, de carácter horizontal. O clan determina a elección do oroñô (o rei) da tabanka (a aldea), e tamén da poderosa okinka (a sacerdotisa). A inicios do século XX, existiu un famoso personaxe nas illas: A raíña Pampa. A súa figura acaparou por primeira vez os poderes do rei e da sacerdotisa. Pampa, conseguiu protexer a varias illas da salvaxe conquista colonial.

SEXUALIDADE ZAPOTECA

Os zapotecas do Istmo conciben máis de dous xéneros: home, muller, muxe e nguiu. O muxe defínese como “nin home nin muller, senón todo o contrario” ou “unha alma feminina en corpo de home”, realiza tarefas propias das mulleres e adoitan adoptar un aspecto tipicamente feminino. As relacións afectivo/sexuais non frutifican entre dúas muxes, senón que se establecen con “homes de verdade”, homes heterosexuais que exercen o rol activo nestas unións. A nguiu declárase:  “muller, pero gústame o sexo das mulleres, non me gusta o sexo dos homes”, adquirindo atributos e actitudes que tradicionalmente se asociaron ao mundo masculino.

SEXUALIDADE BIJAGÓ

Entre os Bijagós, o amor romántico non existe, os vínculos afectivos nacen da “paixón”. As unións son temporais, flexibles e simultáneas. A muller bijagó escolle á súa parella e decide cando se separa. O home cumpre o “rol” pasivo no cortexo bijagó e déixase seducir pola muller. Para iso adórnase con pendentes, turbantes, e teas de cores. Os Bijagós non conciben as identidades homosexuais entre a súa poboación. Con todo, nalgunhas prácticas cerimoniais femininas pódense xerar situacións homoeróticas rituais, derivadas da adopción do rol do outro xénero.

CONCLUSIÓN

Entre a poboación zapoteca e bijagó, as mulleres posúen poder e prestixio social e económico. Estas sociedades demostran que, tanto a definición dos xéneros como a oposición entre os sexos, son construcións sociais que cuestionan e desnaturalizan a norma patriarcal, binaria e heterosexista.