CON XÉNEROS MÚLTIPLES | MATRICÉNTRICAS | CON RITUAIS DE XÉNERO CRUZADOS

INTERSEXUAIS | OUTRAS


Sociedades con rituais de xénero cruzados

Esta terceira tipoloxía acuñada por Anne Bolin refírese á adopción do porte e a xestualidade do outro xénero unicamente en contextos ritualizados concretos e non permanentes. Os travestidos, en ocasións ceremoniais, rituais de reversión, -tales como os atopados nas cerimonias funerarias rarámuris ou na covada, un ritual masculino vinculado ao ciclo reprodutivo feminino e moi presente en diversas culturas (Bolin, en Nieto, 2003).

Rarámuris (México).

Entre o pobo rarámuri da serra Tarahumara, no norte de México, durante os rituais funerarios, coñecidos como “chuwibaris”, permítese que un dos parentes do sexo oposto do difunto ou difunta en cuestión, actúe durante unhas horas recreando de xeito cómico e humorístico o comportamento da persoa falecida, realizando bromas de alto contido sexual. O espírito do morto “posúe” a este familiar político a fin de despedirse, principalmente, do viúvo ou viúva, mediante mostras de cariño, xestos e comentarios de alto contido sexual e festivo. Neses rituais, os menores da familia non deben estar presentes. Nesta derradeira despedida, se o que morreu foi un home, necesita que se celebren tres festas; e se é una muller catro celebracións. Nestas festas bébese teswino (bebida alcohólica derivada do millo), e xa con moito alcohol, pode suceder que o representante da muller defunta acabe sendo penetrado polo viúvo ou ao revés (Pérez, 2001). Ver galería de fotos.

Bijagós (Guinea Bisau).

Entre o pobo bijagó de Guinea-Bisau non se conciben as identidades homosexuais entre a súa poboación. Non obstante, en algunhas prácticas ceremoniais femininas pódense xerar situacións homoeróticas rituais, derivadas do feito de que as mulleres son posuídas por un espíritu masculino dun home que faleceu e que se reencarna nestas mulleres para que rematen os rituais que deben realizar ao longo da súa vida xa truncada. Esta posesión pode durar varios meses e durante ese tempo, a muller posuída compórtase coma o defunto, mantendo as relación afectivo-sexuais que en vida tivo esa persoa, e a nai do defunto pasa a ser a nai simbólica da muller que está cargando co espiríto masculino da persoa que faleceu. Ás veces, despois do período de posesión espiritual, as relacións homoeróticas permanecen entre as mulleres implicadas (Gómez, 2007). Ver galería de fotos.

<< Anterior

Matricéntricas

Seguinte >>

Intersexuais